A formación nacionalista sinala que a zona de Someso, tamén coñecida como Recinto Ferial-Sector 7, "carece de equipamentos básicos, falta limpeza, iluminación -nomeadamente na zona de ExpoCoruña- e a conectividade é moi deficiente, sen boas conexións peonís cos barrios próximos, Mesoiro e Mato Grande".
O concelleiro nacionalista David Soto defenderá unha proposta co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos veciños. Soto tamén denunciou que a avenida García Sabell divide o barrio, dificultando os desprazamentos a pé e obrigando a moitos residentes a usar o vehículo particular para tarefas cotiás como facer a compra.
Entre as medidas propostas polo BNG inclúense a optimización da xestión do tráfico durante eventos en ExpoCoruña e o Coliseum, o reforzo da presenza da Policía Local, a habilitación de aparcadoiros e o incremento das conexións de autobús. Ademais, reclaman un control da maleza para evitar que invada as beirarrúas.
A formación tamén insta o Goberno local a xestionar coa consellería de Sanidade a apertura dun centro de saúde que dea servizo aos sectores 7, Someso e As Rañas.




