O programa, promovido pola Unidade de Divulgación Científica da UDC, busca achegar á cidadanía os resultados da investigación da institución a través de infografías científicas. Nesta edición, dous dos cinco proxectos seleccionados impulsados por persoal investigador do CITEEC subliñan a diversidade temática e o potencial divulgativo dos seus grupos.
A primeira proposta gañadora, titulada «Cando Galicia tiña crocodilos e hipopótamos», é de Alejandro Blanco Calvo e Blanca Moncunill Solé (Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobiología - GRICA-BIOpast). A iniciativa céntrase no rexistro fósil de vertebrados do Paleóxeno e Neóxeno en Galicia, desmentindo a idea da carencia de fósiles de interese e mostrando o patrimonio paleontolóxico que permite reconstruír ecosistemas pasados. Tamén busca achegar os proxectos do grupo BIOpast e o uso de novas tecnoloxías como a tomografía ou a impresión 3D na Paleontoloxía.
Un eixo central desta proposta é o estudo do proxecto OLIGOlife, centrado nos fósiles do Oligoceno e Mioceno galegos, con materiais da mina das Pontes. Atopáronse restos vexetais e fósiles de animais como moluscos, crocodilos, antracoterios, ras, peixes e pequenos roedores, que axudan a reconstruír a paisaxe lacustre e pantanosa dun clima subtropical hai uns 23 millóns de anos.
A segunda proposta, «Construción 3D circular. Unha proposta centrada na innovación construtiva», é de Paloma Funes García, Belén González Fonteboa e Sindy Seara Paz (Grupo de Construción - gCONS). A infografía destaca o potencial da impresión 3D de formigón para un modelo construtivo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente. O formigón, un dos materiais máis usados, xera un 8% das emisións globais de CO₂, e a impresión 3D ofrece reducir o impacto ambiental fabricando elementos capa a capa, diminuíndo prazos, custos, residuos e riscos laborais.
O principal reto tecnolóxico é desenvolver mesturas con propiedades axeitadas para a impresión. No marco do proxecto Eco3DConcrete, o grupo gCONS traballa na substitución parcial do cemento por materiais alternativos como cinzas e areas da biomasa forestal galega, convertendo residuos en materias primas. Estes resultados permiten reducir nun 35% as emisións equivalentes de CO₂ da mestura, impulsando unha edificación máis sostible.




