A necesidade de ampliar a oferta educativa para os máis pequenos no municipio de Curtis foi trasladada á Xunta de Galicia polo alcalde, Javier Caínzos, nun encontro de traballo co director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey. A demanda xorde pola lista de espera rexistrada na escola infantil Galiña Azul de Teixeiro, que evidencia a insuficiencia da oferta actual para atender ás familias da localidade.
O rexedor cualificou a reunión de "moi produtiva" e expresou a súa confianza en obter unha resposta favorable da Consellería de Política Social "a maior brevidade posible". "Trasladamos a necesidade que existe no noso municipio e agardamos contar cunha resposta que nos permita dar solución á mesma e atender a todas as familias que precisan este servizo", sinalou Caínzos.




