O encontro, celebrado o pasado sábado, reuniu a profesionais da cultura, a acción social, a educación e o traballo comunitario para compartir experiencias e abrir un diálogo sobre as condicións necesarias para construír colaboracións efectivas, respectuosas e sostibles. A xornada centrouse en como incorporar a inclusión, a accesibilidade e a participación ao funcionamento das institucións culturais.
A reflexión articulouse arredor da accesibilidade, a mediación intercultural, a creación artística comunitaria e os dereitos culturais, abordando tamén os límites e responsabilidades que implica traballar con persoas e comunidades desde a cultura. Manuela Muñiz Souto, xefa do servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, sinalou a importancia de "avanzar cara a unha maneira de entender a cultura na que importe o que facemos, os procesos e as redes que construímos" e destacou a necesidade de "escoita, coñecemento mutuo e respecto polos saberes e responsabilidades de cada parte" ao traballar co ámbito social.
Durante a mañá, compartíronse diversas experiencias. Eva García, especialista en creación artística comunitaria, achegou aprendizaxes de iniciativas como as Jornadas de Inclusión en las Artes Escénicas e do Plan de Inclusión do INAEM, así como do proxecto Òpera Prima do Gran Teatre del Liceu en Cataluña, enfocándose en como avanzar das accións puntuais cara a procesos que incorporen a inclusión na forma de traballar das institucións.
Pola súa banda, Maria Vlachou, cofundadora e directora executiva de Acesso Cultura (Portugal), expuxo a cultura como un ben común, equiparable á saúde ou á educación. Tamén sinalou que, ademais das barreiras físicas, sociais ou intelectuais, é crucial considerar quen se sente convidado, representado e parte dos espazos culturais, reivindicando o papel da cultura na formación dunha cidadanía libre e participativa.
Desde Galicia, Rubén Capelán (Mada Producións) compartiu os retos do programa de accesibilidade e inclusión nas actividades culturais da Deputación da Coruña, mentres que Mariana Rodrigo (Ecos do Sur) expuxo o traballo coa poboación migrante e a mediación intercultural, incidindo nas barreiras existentes para unha participación cultural efectiva.
As intervencións deron paso a dinámicas de traballo en grupo para identificar retos comúns e poñer en diálogo as diferentes perspectivas. O encontro concluíu cunha conversa aberta para contrastar metodoloxías e posibilidades de colaboración entre a cultura e o ámbito social.
A Deputación da Coruña continuará este espazo de intercambio o vindeiro 17 de outubro cunha segunda xornada centrada nas relacións entre cultura e saúde comunitaria.




