O Concello da Coruña impulsou esta iniciativa para ampliar os servizos da rede municipal de bibliotecas e reforzar o seu papel como equipamentos culturais de proximidade. O novo espazo, que amplía a superficie da biblioteca de 703 a 808 metros cadrados, incorpora ferramentas tecnolóxicas, espazos colaborativos e laboratorios cidadáns.
Durante a visita ás novas instalacións, a alcaldesa Inés Rey destacou que A Eira é un "novo espazo pioneiro de creación e innovación cultural" que cumpre un compromiso coa veciñanza do barrio da Sagrada Familia.
O proxecto conta cun investimento municipal de 409.203,98 euros e inclúe un espazo de creación equipado con cortadora láser, equipos de gravación e edición audiovisual, máquina de coser e equipamento portátil de soldadura. Estes medios permitirán desenvolver proxectos como a produción de podcast, a edición de publicacións independentes ou a aprendizaxe de novas habilidades.
Ademais, o novo equipamento dispón de salas de traballo colaborativo para asociacións, grupos veciñais, estudantes, artistas e persoas emprendedoras, e acollerá obradoiros e encontros interxeracionais. A Eira está aberta a toda a cidadanía de forma gratuíta, e conta con dúas aulas con capacidade para 30 e 12 persoas, funcionando como unha prolongación da biblioteca con accesos independentes.
Nos próximos meses desenvolverase unha programación específica con propostas relacionadas coa radio, a cianotipia, a costura, a imprenta creativa, o gravado láser e a memoria do barrio. Rey concluíu que A Eira é un exemplo de como as bibliotecas do século XXI evolucionan para ser "espazos de lectura, pero tamén de aprendizaxe, creación e encontro comunitario".




