O prazo para presentar as fotografías estará aberto dende o día seguinte á publicación das bases na web municipal ata o 5 de setembro de 2026 ás 23:59 horas.
O certame está dirixido a persoas seguidoras das contas oficiais do Concello de Arteixo en Facebook ou Instagram. Os participantes deberán presentar, a través da plataforma Easypromos, unha fotografía realizada no municipio e relacionada coa temática "Lugares de Encontro".
A temática busca amosar espazos de convivencia e interacción social como prazas, rúas, parques, praias, paseos ou outros lugares que formen parte da vida cotiá da veciñanza. As imaxes deberán enviarse en formato JPEG, PNG ou TIFF, cumprindo os requisitos técnicos establecidos nas bases.
Na descrición da fotografía poderase indicar o lugar onde foi tomada e unha breve explicación da súa relación co tema proposto. Valorarase especialmente a capacidade da imaxe para transmitir convivencia, identidade local e vida comunitaria.
A selección das obras será mixta, combinando a votación popular coa valoración dun xurado profesional composto por expertos en historia e patrimonio, fotografía e publicidade. As doce mellores fotografías integrarán o Calendario de Arteixo 2027.
O concurso repartirá premios económicos: 500 euros para a fotografía gañadora, 300 euros para a segunda clasificada, 200 euros para a terceira e 100 euros para cada unha das nove restantes que completen o calendario.
Podes consultar as bases completas do concurso na web municipal.




