O Concello da Coruña puxo en marcha as obras de construción da nova rede de saneamento separativa no lugar da Comeanda. Ata agora, este núcleo poboacional só dispoñía de infraestruturas de canalización para a recollida de augas residuais, non así de pluviais. A alcaldesa, Inés Rey, explicou que a existencia dunha rede unitaria dificultaba o tratamento das augas cara á depuradora.
O Executivo local estenderá o modelo separativo, xa aplicado noutras zonas como Bens, para garantir a sostibilidade e eficiencia do ciclo da auga. As antigas tubaxes da rede serán renovadas por novos colectores de PVC, máis resistentes e seguros. Ademais, crearase a infraestrutura para as augas pluviais.
Como parte da intervención, tamén se soterrarán as canalizacións municipais da instalación eléctrica que dá subministro á rede de iluminación do núcleo, substituíndo o actual cableado aéreo.
A intervención sobre a rede de saneamento irá acompañada da renovación do firme da calzada. Prevese o uso de pavimentos diferenciados nos carrís de tránsito rodado e nos próximos ás vivendas para reforzar a seguridade viaria.
Ademais, executaranse melloras na fonte do núcleo, un compromiso adquirido polo Goberno municipal durante encontros informativos coas persoas residentes.
Os traballos, cun investimento total de 400.000 euros, serán visibles nos próximos días coa chegada da maquinaria e a instalación de casetas de traballo nas zonas de actuación.




