A proposta, defendida por terceira vez polo Executivo local, incorporou nova documentación e informes técnicos complementarios co obxectivo de facilitar unha "solución definitiva" para os profesionais afectados. A medida logrou o visto e prace de practicamente toda a corporación municipal, coa negativa de Unión por Cambre (UxC) e a abstención dunha edil non adscrita.
A alcaldesa, Diana Piñeiro, destacou que "desde o primeiro momento este goberno mantivo unha posición clara: buscar unha solución para que artistas, compañías e provedores poidan cobrar polo traballo realizado". Lembrou tamén que o expediente aprobado inclúe "o levantamento dos reparos formulados pola intervención municipal e o recoñecemento extraxudicial de crédito necesario para facer efectivos os pagamentos correspondentes".
A rexedora agradeceu o apoio dos grupos que votaron a favor da proposta e lamentou a posición de rexeitamento mantida por UxC.




