A campaña, considerada a mobilización solidaria máis importante do ano para os bancos de alimentos, ten como obxectivo superar os máis de 200.000 quilos de produtos recollidos na edición anterior na provincia da Coruña. Para iso, contará coa participación de máis de 500 supermercados e busca mobilizar arredor de 2.000 persoas voluntarias.
Belén do Campo animou os coruñeses a implicarse nesta iniciativa, xa sexa como voluntarios ou realizando doazóns económicas ou de alimentos. "Cada xesto conta e, entre todos, podemos axudar a que miles de persoas e familias que atravesan dificultades teñan garantido o acceso a unha alimentación digna", sinalou.
A delegada subliñou que 26.000 persoas na provincia da Coruña necesitan a axuda do Banco de Alimentos. Destacou que, aínda que descendeu o número de persoas en situacións de exclusión social máis severa, aumentou o de quen ten dificultades para chegar a fin de mes. Os produtos máis necesarios son leite, alimentos envasados e produtos que requiran pouca preparación.
O padriño desta edición é o cirurxián coruñés Diego González Rivas. As persoas interesadas en participar como voluntarias poden inscribirse a través do correo electrónico voluntarios@balrial.org ou no teléfono 604 001 206.
A delegada puxo en valor "o traballo incansable e decidido" do Banco de Alimentos da Coruña e a súa rede de colaboración con máis de 144 entidades sociais, que en 2025 ampliou a súa cobertura a todos os municipios da provincia.
A Xunta de Galicia colabora co Banco de Alimentos a través da Consellería de Política Social e do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA).




