A localidade de As Pontes prepárase para acoller a segunda edición do Rallyshow Deputación da Coruña, que este ano se consolida como a Festa do Motor. O circuíto da vila será o epicentro dun evento que combina competicións de motor con actividades de lecer para todos os públicos durante a fin de semana.
O programa arranca o sábado coa recepción oficial aos pilotos ás 10:00 horas, seguida dunha exhibición e o recoñecemento do trazado. A presentación oficial do evento terá lugar ao mediodía, e pola tarde haberá unha experiencia de pilotaxe deportiva cun Renault Clio RSR Rally2 e os adestramentos libres ás 16:30.
O domingo, coas portas abertas dende as nove da mañá, alternaranse exhibicións de carcross, drift e outras disciplinas entre as diferentes mangas da competición. A gran final pola primeira praza disputarase ás 17:45.
Ademais da competición, o evento contará cunha 'fan zone', un globo aerostático e un circuíto de educación viaria con karts a pedais para os máis pequenos. O concerto de Sés ás sete da tarde porá o broche de ouro a dous días de intensa actividade.




