A comisión de seguimento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Arteixo reuniuse este luns para poñer ao día aos grupos políticos sobre o traballo da empresa redactora, Monteoliva Arquitectura. Os técnicos do departamento de Urbanismo confirmaron que xa se completou o envío das peticións de informes a diversos organismos.
Entre as entidades consultadas atópanse Patrimonio Cultural, Patrimonio Natural, Augas de Galicia, Infraestruturas, Economía e Industria, Montes, Medio Ambiente, Medio Rural e a subdelegación do Goberno. Agora, agárdase que estas institucións remitan os seus ditames para dar luz verde ao documento urbanístico.
“"Os obxectivos marcados polo Concello neste novo plan pasan por preservar e poñer en valor o seu patrimonio natural e cultural do municipio."
O Executivo local subliña a importancia de protexer o patrimonio natural e cultural do municipio. No eido ambiental, Arteixo ten o seu litoral inscrito na Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte da Rede Natura 2000 e na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. O novo PXOM deberá ser capaz de salvagardar esta riqueza medioambiental, aplicando os criterios técnicos das normativas vixentes.
En canto ao patrimonio cultural, as actuais normas urbanísticas inclúen un catálogo de monumentos e conxuntos histórico-artísticos protexidos, como xacementos castrexos, arquitectura relixiosa e civil. Recálcase a necesidade de actualizar este inventario para asegurar a protección dos bens que realmente o requiran.




