As tarefas de axardinamento, adxudicadas esta semana á empresa Jardinería Arce, executaranse sobre a superficie baleira que deixou un antigo alboio derrubado polo Concello, no cruzamento entre as rúas San Diego e Petín.
A demolición deste espazo, completada a inicios deste ano, permitirá unificar o conxunto do ámbito. A existencia de diversas parcelas privadas neste enclave dificultaba a ampliación do parque, pero foi posible grazas aos acordos acadados polo Concello coas persoas propietarias, cun desembolso total duns 240.000 euros para obter a superficie necesaria.
Esta nova fase de traballos nesta parte da rúa San Diego suporá un investimento de case 45.000 euros. Incluirá a creación dun pequeno sendeiro peonil, a suma de novo mobiliario urbano, a plantación de case unha ducia de novas árbores e a instalación dun novo sistema de rego automático.
Coa medida, o Executivo local busca avanzar na súa folla de ruta para dar resposta ás demandas formuladas pola veciñanza nos barrios da Gaiteira e A Cubela.




