A iniciativa 'Unha Viaxe pola Historia', enmarcada no programa municipal EducaCulleredo, está a permitir que 160 alumnos de 5º de Educación Primaria descubran a historia do municipio a través dun percorrido activo e participativo. O itinerario inclúe paradas en cinco puntos clave: o castro de Sésamo, a torre de Celas, os pazos, a ponte do Burgo e a antiga fábrica de Cros.
Durante a visita, os escolares teñen a oportunidade de observar, comparar e interpretar os vestixios do pasado de Culleredo. Participan centros educativos como os CEIP Sofía Casanova, Isaac Díaz Pardo, Ría do Burgo e Vila de Rutis. O obxectivo principal é que os nenos comprendan a antigüidade do poboamento na zona, a súa evolución histórica e a importancia da conservación do legado patrimonial.
Esta proposta pedagóxica integra contidos de diversas materias, como Ciencias Sociais, Ciencias da Natureza, Educación en Valores Cívicos e Éticos, e as linguas galega e castelá, con momentos puntuais que tamén inclúen aplicacións das Matemáticas.
“"Os nosos nenos e nenas coñezan a súa historia e se dean conta do importante que é conservar o noso patrimonio e legado. O Goberno municipal traballa para que o alumnado aprenda sobre o terreo cal é a historia do concello no que viven."
A concelleira de Educación, Cristina Pardo, destacou a relevancia desta iniciativa que busca fomentar o coñecemento e a conservación do patrimonio local entre os máis novos. EducaCulleredo complementa a formación nas aulas con actividades como o pleno infantil e visitas a lugares emblemáticos como o pazo de Vilaboa.




