Altia, compañía con raíces na Coruña e sede en Oleiros, e o instituto Fernando Wirtz poñen en marcha unha nova edición do ciclo de Formación Profesional Dual Intensiva centrado no Desenvolvemento de Aplicacións Web. A principal novidade desta iniciativa é a posta en marcha de dúas promocións do programa de forma conxunta.
O ciclo ofrecerá 15 prazas e manterá o seu "carácter innovador", segundo a empresa, ao dar prioridade á entrevista persoal sobre a cualificación académica para o acceso. O proceso de selección, que se levará a cabo nas próximas semanas, inclúe a presentación de candidaturas e unha entrevista co equipo de talento de Altia, quen avaliará as habilidades, a motivación e a adecuación ao perfil tecnolóxico demandado pola compañía.
As entrevistas están programadas para o mes de xullo, co fin de comunicar os resultados ao centro educativo e á Xunta de Galicia antes do inicio do curso académico en setembro. O itinerario formativo, que se desenvolverá ao longo de dous cursos, combinará a formación teórica no IES Fernando Wirtz con períodos de prácticas nas instalacións de Altia, onde os estudantes participarán en proxectos reais e multidisciplinares xunto a equipos técnicos especializados.
“"Este programa permítenos seguir formando perfís altamente cualificados que responden ás necesidades actuais do sector tecnolóxico."
A compañía destaca que os resultados das edicións anteriores avalan o "impacto deste programa formativo", sinalando que nas dúas primeiras convocatorias rexistráronse "máis de cen candidaturas para as 15 prazas ofertadas". O obxectivo principal do programa é facilitar a continuidade dos estudantes en Altia, apoiando o seu desenvolvemento profesional.




