As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) inician hoxe a campaña de doazón en centros docentes universitarios e non universitarios de toda Galicia. O obxectivo é superar as máis de 8.200 doazóns recollidas no pasado curso académico. A iniciativa comprende dúas fases: a primeira de setembro a novembro e unha segunda a comezos de 2027.
Baixo o lema “Un alento de vida”, a campaña busca sensibilizar á cidadanía da importancia de doar sangue para ofrecer aos doentes unha nova oportunidade de vida.
Este xoves 17 de setembro, ADOS visitará os campus da Coruña e Ferrol, dentro da campaña de benvida aos universitarios da Universidade da Coruña (UDC). Unha unidade móbil estará no campus de Elviña (rotonda de Socioloxía) das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas. No campus de Esteiro, outra unidade móbil estacionará na Praza da Fonte das 09:30 ás 14:30 horas.
A Axencia prevé acadar 4.500 doazóns de sangue nos sete campus das tres universidades galegas neste curso. No pasado curso (2025-2026), as universidades aportaron 4.605 doazóns, das cales 1.633 (35%) foron de doantes novos.
A Universidade de Santiago de Compostela rexistrou máis doazóns (1.891), seguida pola Coruña (1.427) e Vigo (1.287). Por campus, a distribución foi: A Coruña (1.144), Ferrol (283), Santiago de Compostela (1.455), Lugo (436), Vigo (731), Pontevedra (288) e Ourense (268) no curso 2025-26.
Nos centros de ensino non universitario, o pasado curso rexistráronse 3.641 doazóns, 1.659 (45,6%) de doantes novos. As unidades móbiles visitaron 85 centros, obtendo 1.659 doazóns na Coruña, 224 en Lugo, 386 en Ourense e 1.372 en centros pontevedreses.
Hoxe, unidades móbiles de ADOS estarán no IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa) e no Centro de Ensino EFA A Cancela (As Neves), sendo os primeiros centros educativos en acoller estas campañas.
ADOS agradece o compromiso dos reitorados universitarios, decanos e directores de centros de ensino, así como aos estudantes doantes, por impulsar a doazón de sangue e doutros tipos como a medula ósea.




