A diáspora venezolana na Coruña está a vivir con "angustia e agobio" a situación que atravesa o país tras os recentes seísmos. Para canalizar esta preocupación, impulsouse unha recollida de axuda humanitaria destinada ás zonas máis afectadas.
Edgar Romero, venezolano afincado na Coruña dende hai oito anos e que foi preso político no seu país natal, foi o principal impulsor desta iniciativa. "Principalmente se me veu a idea xa que é moito o agobio que un sente", explicou Romero sobre a súa motivación.
Establecéronse dous puntos de recollida para facilitar a participación cidadá. Un deles atópase no restaurante Casa Marabina, en Ledoño, pensado para achegar a recollida a persoas que viven en zonas próximas á cidade. O segundo punto está situado nun bar da Coruña, O Cribe, cuxa responsable contactou con Romero para ceder o espazo e colaborar na xestión.
Os materiais máis necesarios urxen para atender ás vítimas. Segundo Romero, precísanse "insumos médicos, de primeiros auxilios; alimentos non perecedeiros; pastillas potabilizadoras de auga; lanternas e lámpadas, porque están sen luces alá; baterías; mantas, colchas, colchóns, algo en onde as persoas se poidan recostar". Ademais destes puntos, outros establecementos da cidade como SkyBarberShop, Perrito Loco, The Yellow Gold, Mr. Ollie Burgers, Buen Rollo e Chipi Coruña tamén se sumaron á recollida de alimentos, produtos de hixiene, artigos para bebés e mascotas.
“"Insto ás persoas a que non se esquezan disto. En A Coruña hai unha comunidade moi grande de venezolanos, temos que estar unidos e aportar ese gran de area. Non hai unha axuda insignificante, simplemente a achega é o que conta."
Romero recibiu a información sobre os terremotos a través de contactos próximos, incluído un amigo detido como preso político e un irmán en Maracaibo. Relatou danos en estruturas e a situación na prisión militar de Ramo Verde. A distancia, a case 7.000 quilómetros, xera frustración, pero a iniciativa de axuda permítelle "sentir que estou a facer algo".
A comunicación sobre a catástrofe depende en gran medida das redes sociais e da sociedade civil, debido ao "medo e á represalia mediática" que aínda existe no país, segundo Romero. Tamén expresou a súa preocupación pola aparente inacción das forzas militares e a posible restrición da axuda humanitaria en certas áreas, que podería estar condicionada á pertenza ao partido de goberno.
O organizador fixo un chamamento á continuidade da axuda, subliñando que Venezuela "non está preparada para este tipo de catástrofes" en canto a equipamento, maquinaria e persoal. "Hai que seguir mantendo o enfoque e seguir divulgando que se manteña a iniciativa de axuda", declarou, lembrando a vulnerabilidade das persoas afectadas, incluíndo nenos, maiores e persoas hospitalizadas.




