Os traballos de instalación comezarán a vindeira semana e desenvolveranse de forma progresiva durante as próximas sete semanas. O obxectivo é transformar este espazo público nun gran punto de encontro para o Nadal coruñés, combinando propostas gastronómicas, culturais e de lecer familiar, ademais dunha iluminación especial.
A praza organizarase en tres áreas interconectadas. Unha delas albergará unha Casa de Papá Noel e un espazo gastronómico con cinco casetas de hostalaría e unha zona cuberta. Estas casetas ofrecerán produtos típicos do Nadal, como doces, salgados e viño quente, complementando a oferta de ocio.
No centro da praza situarase unha gran árbore de Nadal, xunto a un palco de música que acollerá parte da programación cultural. Para o público familiar, haberá un carrusel, un tren polar e un "xardín do Nadal" con figuras luminosas deseñadas para crear un ambiente festivo para os máis pequenos.
A montaxe dará comezo pola zona de Porta Real, coa instalación das casetas hostaleiras. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que se priorizou esta área para que os hostaleiros poidan dispoñer dos seus espazos canto antes e realizar os axustes necesarios. Unha vez instaladas as casetas, procederase á colocación da pérgola correspondente a esta zona.




