A estación meteorolóxica da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) situada en Bens marcou unha temperatura máxima de 31 graos ás 17:00 horas deste venres. É a primeira vez que se superan os 30 graos no que vai de mes.
Esta marca supón un notable incremento respecto á última semana, cuxo valor máis alto foi de 22 graos o pasado venres 5 de xuño. Con todo, a temperatura actual aínda está lonxe do récord rexistrado para un mes de xuño na cidade, que se remonta a 1980 con 34,8 graos.
As previsións apuntan a que estes valores se volverán a superar este sábado, cando se agardan novamente os 30 graos. Para o domingo, as temperaturas descenderán ata os 25 graos, aínda que se prevé algunha nubosidade. As mínimas oscilarán entre os 19 e os 16 graos durante a fin de semana. Co avance dos días, as máximas tenderán a estabilizarse arredor dos 22 graos.




