A iniciativa busca impulsar a internacionalización do destino turístico galego, abrir novas vías de comercialización e favorecer a programación de viaxes fóra da tempada alta. Máis de cen empresas galegas do sector xa se inscribiron neste encontro, dirixido a axencias de viaxes receptivas, hoteis e empresas de experiencias e servizos complementarios.
Os participantes terán a oportunidade de presentar os seus produtos a preto dunha trintena de operadores procedentes de mercados como Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Suíza, Polonia e India. O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou a importancia de abrir o sector a novos mercados e reforzar a súa presenza internacional, sinalando que "a internacionalización é unha oportunidade para as nosas empresas e tamén unha ferramenta fundamental para avanzar cara a un modelo turístico máis diversificado".
Regueira subliñou que Galicia e a provincia da Coruña contan cunha oferta turística ampla e diversa, pero que precisa de canles de comercialización que permitan situala nos mercados internacionais. "Non abonda con ter produtos turísticos de calidade: temos que conseguir que se coñezan", afirmou, valorando que Viaxa! facilite o encontro directo entre as empresas galegas e os profesionais que comercializan viaxes nos mercados emisores.
O programa da feira divídese en dúas xornadas. O 25 de novembro, na Coruña, centrarase nas experiencias singulares e no turismo premium, cun espazo expositivo e reunións comerciais. Ao día seguinte, en Santiago de Compostela, o protagonista será o Camiño de Santiago, cun formato de networking conversacional.
Ademais, do 23 ao 26 de novembro, os operadores internacionais participarán nunha viaxe de familiarización con paradas na Coruña (incluíndo o museo MEGA de Estrella Galicia), no Xeoparque Cabo Ortegal e en Santiago de Compostela, para coñecer sobre o terreo propostas de natureza, gastronomía e patrimonio.




