A cidade da Coruña prepárase para acoller o vindeiro mércores 12 de agosto un dos eventos astronómicos máis esperados: a eclipse total de sol. Este fenómeno, que non se vía na Península Ibérica en máis de cen anos, converterá a cidade herculina no mellor punto de Europa para a súa observación durante preto de minuto e medio.
Ante a previsión dunha xornada multitudinaria, o Concello da Coruña deseñou un dispositivo especial de seguridade, mobilidade e transporte. A alcaldesa, Inés Rey, avanzou que se habilitarán aparcadoiros disuasorios nos campus universitarios da Zapateira e Elviña, e reforzarase o transporte urbano con liñas especiais e maior frecuencia.
Identificáronse múltiples enclaves de proximidade nos barrios para gozar da eclipse sen desprazamentos innecesarios en coche. Estes puntos, xeolocalizados na web municipal, inclúen parques como os de Oza, San Diego, Eirís e Novo Mesoiro, así como a explanada do Parrote, a praza do Galatea, o aparcadoiro do Aquarium Finisterrae, a contorna do Ágora, a praza central de Xuxán e a explanada do edificio sindical do Sector 7.
As praias de Riazor e O Orzán son recomendables para quen asista posteriormente ao partido de fútbol entre o Deportivo e o Real Madrid polo trofeo Teresa Herrera. Prevese o corte do tráfico no paseo marítimo de Riazor e arredores a partir das 18:00 horas. Tamén se habilitará unha zona específica PMR (Persoas con Mobilidade Reducida) na Coiraza.
Zonas como O Portiño e o monte de San Pedro tamén se prevén con alta afluencia, pero o acceso será unicamente a pé debido á limitación de estradas e aparcadoiros. Haberá servizos especiais de transporte urbano para facilitar a chegada a estas áreas.
O dispositivo de seguridade e emerxencias contará cuns 300 efectivos. As liñas de transporte urbano manteranse con variacións polos cortes de tráfico, e sumaranse liñas especiais conectando os campus universitarios co centro da cidade, con frecuencias de dez minutos durante o día e quince pola noite.




