A asociación veciñal da Cidade Vella da Coruña manifestou a súa preocupación pola eliminación das paradas de Porta Real e Obelisco/Cantóns na liña de autobús con destino ao Aeroporto de Alvedro. Nun escrito dirixido á Concellaría de Mobilidade e Infraestruturas, os residentes solicitan información sobre esta decisión, que consideran que xera confusión e prexuízos tanto para os veciños como para os visitantes.
“"A suspensión das paradas sen comunicación clara e accesible á cidadanía xera confusión e prexuízo, tanto a residentes como a visitantes; o citado servizo constitúe unha infraestrutura fundamental para a mobilidade urbana e metropolitana."
Ademais, a nova configuración do percorrido, que agora parte do Castelo de San Antón e ten parada na Praza de Ourense, supón unha diminución na accesibilidade do servizo desde o centro da cidade. Esta situación vese agravada pola suba dos prezos tanto no estacionamento como noutros medios de transporte.
Pola súa banda, fontes da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia lembraron que a reorganización do transporte interurbano na Coruña, efectuada o 13 de abril, debeuse á peonalización de Entrejardines por parte do Concello da Coruña. O obxectivo era desconxestionar a Avenida da Mariña e garantir a seguridade dos peóns e ciclistas.
A Xunta tamén indicou que o 10 de abril o portal bus.gal informou da substitución da parada de Entrejardines pola do Teatro Colón, así como da modificación da liña Hospital Abente e Lago-Aeroporto da Coruña. A notificación incluía a supresión das paradas de Porta Real e do Obelisco, e o cambio de localización da parada cabeceira da liña. A parada da Praza de Ourense mantense como alternativa, situada a 600 metros das eliminadas. Segundo a Consellería, o Concello estaría avaliando a posibilidade de habilitar unha parada na Avenida do Porto, preto da antiga localización de Entrejardines.




