O certame, integrado na programación municipal de Nadal, pretende incentivar a decoración dos escaparates, recuperar a estética do Nadal tradicional e implicar os negocios de todas as zonas da cidade. A temática central será o Nadal tradicional, convidando os establecementos a evocar recordos e a estética dos Nadais de antano.
Os establecementos interesados poderán inscribirse de balde ata o 21 de novembro a través da páxina web escaparatescoruna.gal. O número máximo de participantes será de 400 comercios, que se admitirán por orde de presentación das solicitudes. A participación está aberta aos comercios minoristas da cidade con escaparate visible desde a vía pública, excluindo grandes cadeas, comercios en grandes superficies e establecementos de hostalaría e servizos.
A decoración deberá estar montada antes do 3 de decembro e manterse exposta, como mínimo, ata o 5 de xaneiro de 2027. Os comercios admitidos distribuiranse en tres zonas xeográficas para garantir unha proporción equilibrada.
Establécense cinco recoñecementos por zona: un primeiro premio de 3.000 euros, un segundo de 2.000 euros e un terceiro de 1.000 euros, ademais de dous accésits de 500 euros cada un. As asociacións de comerciantes poderán recibir ata 3.000 euros adicionais, con 1.000 euros para as que pertenzan aos gañadores do primeiro premio de cada zona.
Un xurado composto por especialistas en comercio e escaparatismo, representantes do sector e membros do Concello valorará as propostas segundo criterios como a orixinalidade, a creatividade, a composición, a calidade estética e a capacidade de atracción comercial.




