O xoves 8 de outubro terá lugar unha actividade de voluntariado ambiental no Monte da Fraga, co obxecto de inspeccionar a charca construída hai xa 12 anos ao abeiro do proxecto Charcas con Vida. O propósito desta iniciativa é a mellora da biodiversidade da contorna, creando novos espazos para albergar fauna e flora diversa propia de ecosistemas húmidos.
A xornada consistirá na monitorización por parte da Asociación ecoloxista ADEGA do estado de conservación da charca. Realizarase un inventario da biodiversidade e identificaranse as especies bioindicadoras de calidade ambiental.
A actividade desenvolverase entre as 16:00 e as 18:00 horas. O punto de encontro será a entrada principal da Facultade de Ciencias, situada en A Zapateira. Esta actividade está suxeita ao recoñecemento de créditos para o estudantado da UDC, cunha dedicación de 20 horas por 1 crédito.
As prazas son limitadas e é necesario inscribirse a través dun formulario en liña, cun prazo máximo de ata dous días antes da actividade. A inscrición debe realizarse no seguinte formulario: [FORMULARIO DE INSCRICIÓN](https://forms.cloud.microsoft/e/HL8ptvPQQ1).
Esta iniciativa é monitorizada pola Asociación ecoloxista ADEGA e financiada pola Oficina de Sustentabilidade da UDC. Forma parte do convenio sectorial de colaboración entre a Concellaría de Medio Ambiente do Concello da Coruña e a Oficina de Sustentabilidade da Universidade da Coruña para a execución do proxecto de custodia e voluntariado ambiental no Monte da Fraga durante o ano 2026.




