O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xesús Fernando Salgado Velo, foi recoñecido co premio á traxectoria investigadora polo seu labor no ámbito da psicoloxía do traballo. Salgado Velo fundou en 1993 o grupo de investigación Recursos Humanos e Rendemento na USC e é autor de máis dun cento de artigos científicos. En 2023 xa recibira a Medalla Domingo García-Sabell Rivas da Real Academia Galega de Ciencias.
Na categoría de innovación científica, o galardón recaeu no Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo. O grupo, creado en Pontevedra en 2021 polo investigador Mario Pansera co apoio do Consello Europeo de Investigación, estuda como a ciencia e a tecnoloxía poden mellorar a calidade de vida sen depender do crecemento económico continuo. Entre as súas iniciativas destaca Postgrowth S.A. Pontevedra, un proxecto de ciencia cidadá sobre a transición ecolóxica.
O xurado declarou deserta a terceira modalidade, destinada a traballo de persoas investigadoras de ata 35 anos. O certame, convocado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Bergondo e do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial Xoán Vicente Viqueira, lembra o legado do filósofo e psicólogo Xoán Vicente Viqueira Cortón. O acto estivo presidido pola alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a deputada provincial de Educación e Mocidade, Yoya Neira Fernández, e a presidenta do Instituto, Isabel Lema Blanco.




