A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, presentou hoxe a convocatoria no Palacio de María Pita en representación da alcaldesa, Inés Rey. O acto contou coa presenza de representantes de once entidades, entre elas ASPACE Coruña, que xestiona a iniciativa desde a súa creación en 2016.
A mobilización seguirá un percorrido circular e accesible que partirá da explanada do Parrote, pasará pola praza de María Pita e continuará polas rúas Rego de Auga e Luchana. Desde alí cruzará a avenida da Marina e regresará ao punto de inicio pola zona peonil da avenida do Porto.
“"Vide cun paraugas de cores, vide coa familia, coas amizades, cos compañeiros de traballo ou de clase"
Ás 12.00 horas, persoas con discapacidade de distintas entidades tomarán a palabra para ler o manifesto. Esta é a undécima edición da campaña, que este ano leva o lema #Xente10 para recoñecer ás persoas con discapacidade, as súas familias, o persoal das entidades e o voluntariado.
Ademais da marcha presencial, as entidades propoñen participar a través das redes sociais o propio 3 de decembro, compartindo unha fotografía cun paraugas de cores e etiquetando a conta @galiciadiversa.




