Estas intervencións, que responden a unha demanda veciñal histórica, buscan solucionar de forma definitiva as acumulacións de auga e os desbordamentos que se rexistraban nestes puntos durante os episodios de choivas intensas.
Na zona de A Brea, onde se destinaron 22.381,78 euros, os traballos consistiron na execución dun novo colector de pluviais. Este sistema, deseñado para captar de forma eficiente a escorrentía superficial, conta cunha serie de sumidoiros distribuídos estratexicamente para evitar a acumulación de auga no punto máis baixo da rúa e a súa entrada nas edificacións próximas.
Ademais, esta nova infraestrutura tamén regula a rede de augas residuais, poñendo fin aos desbordamentos que afectaban tanto ás construcións limítrofes como á estrada nacional N-VI. A intervención rematou coa reposición completa do firme en todas as áreas afectadas pola instalación das tubaxes.
Pola súa banda, a actuación en Sobre a Igrexa, cun orzamento de 24.776,29 euros, eliminou os desbordamentos na plataforma viaria. Para iso, instalouse un novo colector, complementado coa construción de cinco pozos de rexistro e a instalación de nove sumidoiros, ao tempo que se cancelaron dous sumidoiros da rede antiga.
Ademais da mellora na drenaxe subterránea, o Concello aproveitou esta obra para acondicionar as marxes da calzada, pavimentando os bordos para ampliar o espazo transitable para os peóns. O proxecto tamén incluíu a creación dunha zona específica de parada de vehículos de curta duración (máximo 15 minutos), debidamente sinalizada, para facilitar o intercambio de transporte debido á proximidade coa parada de autobuses da N-6. Os traballos concluíron coa reposición do firme asfáltico nas zonas intervidas.




