O Concello de Arteixo e a Autoridade Portuaria impulsarán un proxecto de saneamento que reforzará a rede da parroquia de Suevos e conectará o Porto Exterior de Langosteira coa estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Bens. A actuación, cun custo próximo aos 2,9 millóns de euros, será financiada nun 90% pola Autoridade Portuaria e nun 10% polo Concello de Arteixo.
O proxecto contempla a construción de sistemas de bombeo e un colector subterráneo de tres tramos. O primeiro, duns 600 metros, discorrerá polo interior de Langosteira. O segundo, duns 400 metros, desviarase cara ao Porto de Suevos. O terceiro, duns 2,3 quilómetros, conectará o novo sistema coas instalacións da EDAR de Bens a través do areeiro de Suevos, no límite co municipio da Coruña.
A intervención tamén inclúe unha estación de bombeo de augas residuais no Porto de Suevos, un colector xeral para reforzar a rede da parroquia e unha condución de impulsión e tramo por gravidade para conectar este bombeo co Porto Exterior.
Esta obra dá continuidade á actuación de Augas de Galicia, que rematou en xuño a construción dun novo colector entre o areeiro de Suevos e a EDAR de Bens. A infraestrutura foi deseñada para aumentar a capacidade do sistema de saneamento e permitirá incorporar as augas residuais do Porto de Langosteira.
Desbordamentos puntuais no areeiro de Suevos, provocados pola entrada en funcionamento do polígono industrial de Morás e os incrementos de caudal durante choivas intensas, motivaron a solicitude de colaboración do Concello de Arteixo ás administracións implicadas. A solución conxunta permitiu a execución do novo colector por parte de Augas de Galicia, cun investimento total de 2,7 millóns de euros.
A primeira actuación contou con achegas de 1.065.000 euros da Consellería de Industria, 734.000 euros de Xestur, 518.000 euros da Autoridade Portuaria e 393.000 euros do Concello de Arteixo.
A nova conexión co Porto Exterior completará estas melloras, ampliando a capacidade do sistema para atender as necesidades de saneamento de Suevos e Langosteira.




