A nova instalación, que duplicará o número de pistas deportivas do actual Pazo dos Deportes, busca ampliar a capacidade das infraestruturas municipais e dotar o municipio dunha dotación adaptada ás necesidades actuais e futuras. O Concello encargará nas próximas semanas a redacción do proxecto de execución e prevé incluír unha primeira partida orzamentaria nos orzamentos de 2027.
O novo pavillón situarase nunha área clave de concentración de equipamentos educativos e deportivos, onde xa se atopan cinco centros educativos, o complexo de piscinas de Arteixo, o estadio municipal Ponte dos Brozos e o Pazo dos Deportes.
Arteixo conta con 16.000 persoas inscritas nalgunha das súas instalacións deportivas, e segundo datos do Concello, unha de cada dúas persoas residentes utiliza estes servizos, que se reforzaron nos últimos anos.
Recentemente, o Concello renovou os campos de fútbol de Meicende cun investimento de 1,6 millóns de euros e tamén realizou obras nos campos do complexo Ponte dos Brozos, ademais de impulsar outras infraestruturas como o complexo de piscinas de Pastoriza-Meicende.




