As iniciativas comezarán o venres 13 de novembro cun taller de defensa persoal para mulleres e a representación da obra teatral "Señores (unha comedia machirula)" no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo.
O sábado 21 de novembro celebrarase a VIII Andaina contra a Violencia de Xénero. A saída está prevista para as 10:00 horas desde a cuberta do campo da festa de Arteixo. O percorrido urbano, de catro quilómetros e dificultade baixa, ten un límite de 450 prazas e require inscrición previa.
A programación completarase o mércores 25 de novembro coa iluminación da fachada do Concello e xornadas sobre prevención da violencia dixital nos centros escolares.
Arteixo súmase así á conmemoración do 25N co obxectivo de promover a sensibilización e a implicación colectiva na prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres.




