O documento, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 2 de novembro, é o primeiro plan estratéxico específico de Galicia neste ámbito e establece un modelo de atención coordinado e personalizado dende a infancia ata a adolescencia, contemplando tamén a transición á atención de adultos. Conta cun investimento estimado de 3.077.297 euros para o período 2026-2030, cun millón de euros previsto para 2027.
A nova estrutura incluirá unidades de atención integral paliativa pediátrica nos hospitais de referencia de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para casos de alta complexidade, apoiadas por equipos multidisciplinares en cada área sanitaria. Prevé a incorporación de 10 profesionais sanitarios (cinco pediatras e cinco de enfermería), así como a adquisición de vehículos, tecnoloxía e ecógrafos para atención especializada e domiciliaria.
O plan garante a continuidade dos coidados as 24 horas, os sete días da semana, coordinando pediatría, especialidades hospitalarias, atención primaria, Hospitalización a Domicilio e o 061. Incorpora tamén a colaboración con recursos sociais, asociacións de pacientes e centros educativos, e destaca a atención no domicilio con seguimento continuado e o uso de ferramentas dixitais como as videoconsultas e a plataforma TELEA.
As actuacións organízanse en catro liñas estratéxicas: identificación das necesidades dos menores, coordinación de recursos, atención integral a pacientes e familias (incluíndo apoio psicolóxico e social), e formación de profesionais e coidadores. O programa ‘Coidamos Contigo’ ofrecerá apoio temporal ás familias coidadoras.
Gómez Caamaño sinalou que Galicia xa conta con equipos específicos nos hospitais universitarios da Coruña, Santiago e Vigo, que se consolidarán e reforzarán baixo un marco organizativo común para desenvolver unha Rede galega de atención paliativa pediátrica. Ademais, Galicia dispón dunha rede xeral de coidados paliativos con sete unidades hospitalarias de adultos e 43 recursos non específicos, destacando a súa alta proporción de equipos hospitalarios.




