O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, visitou as obras de mellora de espazos públicos neste concello ourensán. A intervención conta cun investimento total de 630.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia achega 442.943 euros (o 70%) e o concello de Muíños o restante 30% (189.833 euros).
Estas actuacións, que se desenvolven na parroquia de San Pedro de Muíños, céntranse na mellora da pavimentación e o soterrado de redes. O obxectivo é dar continuidade a fases anteriores de humanización de rúas e crear unha pavimentación idónea para o uso peonil e de tráfico lixeiro, especialmente na zona antiga, buscando a uniformidade do conxunto. A intervención tamén inclúe a revisión das instalacións urbanas e a posta en valor de zonas de encontro e esparcemento.
Manuel Pardo enmarcou estas obras no Plan Hurbe, un programa da Xunta que colabora cos concellos na mellora de contornas urbanas, accesibilidade e equipamentos públicos. Destacou que este plan contribúe á revitalización do territorio, reforza o atractivo das vilas e municipios, mellora a calidade de vida da veciñanza e fomenta a fixación de poboación, especialmente no rural.




