O acordo busca mellorar a atención psicolóxica ao alumnado universitario mediante a implantación e avaliación dun protocolo común de acompañamento. A etapa universitaria, marcada por cambios e retos, pode afectar o benestar emocional dos estudantes, unha realidade que as institucións pretenden abordar conxuntamente.
O protocolo establece criterios comúns de actuación, equidade e coordinación entre os servizos universitarios e o sistema público de saúde. Inclúe procedementos para a avaliación inicial, intervencións psicolóxicas, orientación a outros recursos, actividades preventivas e formación do persoal universitario, ademais de mecanismos de seguimento.
O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e os reitores Carmen García Mateo (UVigo), Ricardo Cao (UDC) e Rosa Crujeiras (USC). Tamén estiveron presentes directivos do Sergas e vicerreitoras das universidades.
“"A experiencia universitaria sexa unha experiencia plena"
A reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, valorou positivamente o acordo, destacando a importancia da cooperación para que "a experiencia universitaria sexa unha experiencia plena". Sinalou o incremento da demanda destes servizos e a necesidade de reforzar a prevención e a atención temperá.
Pola súa banda, a reitora da USC, Rosa Crujeiras, agradeceu á Consellería de Sanidade a oportunidade de traballar conxuntamente, subliñando que o convenio facilitará que o sistema sanitario e o educativo traballen "na mesma dirección" e que o alumnado saiba que ten "un lugar ao que acudir" ante dificultades psicolóxicas.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou o compromiso compartido ante "un dos grandes desafíos actuais" e a responsabilidade das institucións académicas de crear contornas seguras que atendan á saúde mental. Incidiu na importancia de divulgar os protocolos para que a comunidade universitaria coñeza os recursos existentes.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, agradeceu a colaboración e a sensibilidade das universidades, lembrando que a etapa universitaria pode xerar "situacións de vulnerabilidade emocional, ansiedade ou outras dificultades". O obxectivo é proporcionar acompañamento, coidado e atención "baixo criterios de homoxeneidade, equidade e coordinación".
A colaboración enmárcase no novo Estatuto do Estudantado Universitario, que recoñece o dereito á atención psicolóxica gratuíta e accesible e esixe protocolos específicos ante condutas suicidas. A Xunta e as universidades continuarán traballando nun procedemento común para a prevención e intervención nestas situacións.




