Universidades galegas e Sanidade reforzan o apoio psicolóxico ao estudantado

Asinan un convenio dotado con 60.000 euros para dar continuidade á atención iniciada en 2025 e cumprir co novo Estatuto do Estudantado Universitario.

Dende a súa creación en 2021, o Servizo de Atención Psicolóxica da USC atendeu máis de 600 persoas. Foto: Santi Alvite

Santi Alvite

As reitoras das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, Rosa Crujeiras e Carmen García, xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron este martes un convenio de colaboración para reforzar o acompañamento psicolóxico ao estudantado.

Este acordo, dotado con 60.000 euros, dá continuidade ao xa asinado en 2025, ano no que os dispositivos de acompañamento psicolóxico das universidades públicas galegas atenderon 370 estudantes. A través desta cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e as tres universidades públicas, Galicia adiántase á disposición dos mecanismos de atención psicolóxica que esixe o novo Estatuto do Estudantado Universitario, normativa que recoñece o dereito do alumnado á atención psicolóxica gratuíta e accesible e á coordinación cos servizos públicos de saúde.
O primeiro paso desta colaboración permitiu a elaboración o ano pasado dun protocolo común de acompañamento psicolóxico, afrontando neste ano 2026 a súa implantación e avaliación. A reitora Crujeiras destacou que o protocolo traballado conxuntamente permitirá que o sistema sanitario e o universitario avancen na mesma liña de atención á mocidade, co obxectivo de que o estudantado poida acceder a unha atención próxima e coordinada cos recursos sanitarios cando precisen atención especializada.
A reitora compostelá sinalou que "para a USC, o benestar psicolóxico do noso estudantado é fundamental", buscando que desenvolvan a súa actividade académica nas mellores condicións e facilitarlles a súa integración sociolaboral. Dende a súa creación en 2021, o Servizo de Atención Psicolóxica da USC atendeu máis de 600 persoas e realizou máis de 4.600 intervencións, cunha lista de agarda actual de 85 estudantes, o que, segundo Crujeiras, "demostra a necesidade de dotarnos dun servizo coma este e sobre todo de darlle continuidade".
O conselleiro Gómez Caamaño resaltou a importancia deste protocolo común, que conta con mecanismos de prevención, acompañamento e detección temperá. De acordo co requirido na nova normativa estatal, o Servizo Galego de Saúde e as tres universidades continuarán a traballar para dispoñer dun procedemento específico para a prevención e a intervención ante condutas suicidas.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Universidade de Santiago de Compostela (USC) — Xornal (17/11/2026)