O proxecto Marpower, financiado con preto de oito millóns de euros polo programa Horizonte Europa, está a ser desenvolvido por 11 entidades de seis países co fin de acadar unha redución significativa nas emisións de gases de efecto invernadoiro no sector marítimo. O obxectivo principal é ofrecer unha alternativa de propulsión e xeración eléctrica a bordo libre de emisións de carbono, contribuíndo así á descarbonización dun sector clave para a economía europea e mundial.
Jacobo Porteiro, catedrático da área de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) do centro Cintecx da Universidade de Vigo (UVigo), detalla que o proxecto busca ofrecer unha alternativa libre de emisións de carbono.
Coordinado pola Universidade LUT de Finlandia, o proxecto europeo, que celebrou recentemente a súa segunda reunión anual na UVigo, desenvolverá un sistema de conversión de enerxía innovador e flexible. Este sistema será capaz de utilizar unha ampla gama de combustibles sostibles, como metano verde, metanol verde, hidróxeno e amoníaco, con modificacións mínimas nos sistemas de combustión existentes. O proxecto estenderase ata mediados de 2028.
Os membros das 11 entidades participantes lembran o papel fundamental do transporte marítimo internacional na economía mundial, representando o 90% do transporte de mercancías e sendo responsable de case o 3% das emisións de gases de efecto invernadoiro. A Organización Marítima Internacional (OMI) estableceu en 2018 unha estratexia para reducir a intensidade de carbono nun 50% para 2030 e nun 70% en 2050.
Na terceira reunión do consorcio, organizada polos investigadores Jacobo Porteiro e David Patiño do GTE de Cintecx na UVigo, os socios coincidiron en que "Marpower avanza satisfactoriamente cara aos seus obxectivos". O consorcio está formado pola UVigo, Aurelia Turbines, AlfaLaval e LUT University (FIN), Politecnico di Milano e RINA (IT), German Aerospace Center (GER), DTU (DEN), Chantiers de L’Atlantique (FR) e Zabala Innovation (ESP).
Os socios do proxecto sinalan que "os resultados de Marpower poden supor un paso importante para a industria naval, ao demostrar a viabilidade de sistemas de potencia baseados en hidróxeno para a navegación". Consideran que tamén contribuirá ao cumprimento dos obxectivos europeos de redución de emisións e reforzará a competitividade tecnolóxica do sector.
A Universidade de Vigo lidera dentro do proxecto Marpower o Work Package 3 (WP3), encargado da construción do xemelgo dixital da turbina de hidróxeno. "Este modelo de simulación permite validar virtualmente o comportamento da máquina, antes e durante a súa posta en marcha", detalla David Patiño, catedrático da área de Enxeñaría Mecánica e investigador do GTE de Cintecx.
Patiño explica que o xemelgo dixital "reduce riscos, custos e tempos de desenvolvemento, e axuda a explorar as súas condicións de funcionamento". Esta ferramenta será fundamental para a avaliación do sistema, o desenvolvemento de estratexias de control e a planificación operativa, buscando solucións enerxéticas marítimas máis intelixentes, limpas e resilientes.
O traballo, para o que os investigadores da UVigo contan cunha achega de algo máis de medio millón de euros, insírese "nas liñas consolidadas do GTE en combustión e modelado de sistemas enerxéticos", segundo Jacobo Porteiro. Tamén conecta coa actividade recente do grupo en hidróxeno e combustibles alternativos, ampliando o ámbito cara ao desenvolvemento de xemelgos dixitais.




