O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou a importancia da XXVII Feira Internacional de produtos do mar conxelados, que se celebra en Vigo ata o xoves, como un gran escaparate da potencia pesqueira, industrial e transformadora de Galicia a nivel mundial. Rueda salientou que este encontro, que reúne a profesionais do sector de todo o mundo, permite consolidar a comunidade como referente na industria do mar e "consolidar Vigo como o verdadeiro porto base dos negocios globais, vencellados ao mar, nos cinco continentes".
Destacou ademais que Galicia concentra o 34% das empresas de transformación de produtos pesqueiros de España e o 48% da facturación total deste sector. O presidente situou a industria do mar galega como exemplo da Galicia Calidade, resaltando o compromiso da Xunta con apoiar un sector clave para a economía galega fronte a retos como a competencia internacional ou o cambio de hábitos de consumo.
Nesta liña, lembrou a defensa por parte de Galicia de medidas a nivel europeo para garantir a viabilidade e sostibilidade da pesca no continente, así como manter a soberanía e seguridade alimentaria. Rueda avogou por "competir en igualdade de condicións" e por que a industria do mar sexa un "pilar estratéxico" para garantir o subministro, preservando os recursos.
Así mesmo, a Xunta aposta por promocionar o produto das rías galegas, fresco e conxelado, para chegar a máis consumidores, con especial énfase na poboación máis nova.




