A Asociación de Medios en Galego (Amega) organizou este encontro, promovido co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da facultade. O evento buscou reflexionar sobre os retos que enfrontan os medios nunha época de profunda transformación marcada pola intelixencia artificial, os novos hábitos de consumo, as redes sociais, a desinformación, a alfabetización mediática, os cambios nos modelos de negocio e a aparición de novos formatos.
Investigadores e profesionais abordaron cuestións como a proximidade, a especialización e as novas narrativas e audiencias. A xornada, conducida por Tamara Novoa, directora do dixital A Movida, foi inaugurada pola decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García. Ambos destacaron a importancia do idioma como "vantaxe diferencial" e a necesidade de utilizalo no labor profesional.
O profesor Xosé Baamonde abriu o ciclo de relatorios cunha análise sobre medios, institucións e cidadanía, mentres que a profesora María Cruz Negreira centrouse nos medios locais e as necesidades cidadás. A xornalista Laura Filloy afondou na divulgación científica e Manuel Gago, do Consello da Cultura Galega, presentou experiencias de divulgación cultural e ciberxornalismo.
O encontro concluíu cun coloquio co alumnado, que respondeu á pregunta central sobre como debería ser o medio en galego que precisan as novas xeracións.




