O sábado, persoas de todas as idades achegáronse ao Centro de Ocio A Laxe de Vigo para participar na primeira feira científica organizada por Ecobas, baixo o lema 'O metro do coñecemento'. A iniciativa, que presentou catro liñas temáticas e dez retos, tivo unha excelente acollida, convertendo a xornada nunha experiencia participativa que achegou a investigación en ciencias sociais a rapaces, adolescentes e adultos.
A feira logrou demostrar de xeito accesible, ameno e divertido como a economía, a empresa, a sostibilidade e as finanzas forman parte da vida cotiá. A directora científica de Ecobas, María Loureiro, mostrou a súa satisfacción pola resposta do público, destacando que o obxectivo de achegar o coñecemento xerado nas universidades á sociedade e que este sexa útil para a toma de decisións diarias cumpriuse plenamente.
Loureiro tamén eloxiou o traballo do persoal investigador e técnico, cuxa implicación foi clave para transformar conceptos complexos en experiencias sinxelas e divertidas. A feira enmárcase nas Xornadas de Portas Abertas de Ecobas, coas que o centro busca reforzar a conexión entre a comunidade científica e a cidadanía.
Os asistentes percorreron unha rede de metro científico con catro estacións temáticas: 'A economía move o mundo', con retos como 'O desafío dos Avengers'; 'Sostibilidade: persoas e planeta', con xogos sobre economía circular e cambio climático; 'As finanzas para o benestar', con actividades como 'A oca do teu peto'; e 'Ciencia para a cidadanía', cun Escape Box e un laboratorio contra mitos e bulos.




