O encontro, celebrado o pasado 15 de outubro, contou coa participación do alcalde, Manu Lourenzo; o concelleiro de Obras, Pablo Garrido; e os enxeñeiros da empresa ENURCOIN, Enrique Urcola e Quique Urcola. A reunión serviu para explicar as actuacións previstas e recoller as necesidades da veciñanza.
A primeira fase das obras, cun investimento de 200.000 euros, comezará a principios de 2027. Esta intervención mellorará significativamente a accesibilidade, asegurando que máis da metade dos residentes de Aranza poidan ser atendidos por vehículos de emerxencia.
O alcalde, Manu Lourenzo, destacou a importancia da actuación para atender unha demanda veciñal fundamental, subliñando a necesidade de mellorar a seguridade e garantir o acceso dos servizos de emerxencia. Tamén resaltou o valor das achegas veciñais para adaptar o proxecto á realidade do barrio.
O proxecto contempla a ampliación de camiños, a mellora do firme, o retranqueo de muros e a nova sinalización. Estas medidas buscan incrementar a seguridade viaria, facilitar os desprazamentos e mellorar o acceso de ambulancias e outros servizos de emerxencia.




