O Concello de Soutomaior puxo en funcionamento a súa nova Aula de Estudo municipal, situada na Antiga Escola de Romariz, na rúa Romariz. Este espazo está deseñado para ofrecer á veciñanza un lugar axeitado para o estudo e a formación, con 18 postos de estudo e conexión wifi. A aula mantén un amplo horario de apertura, de 7:00 a 1:00 horas, os sete días da semana e os 365 días do ano.
A instalación conta tamén con zona de descanso e acceso independente, buscando proporcionar un ambiente cómodo e adaptado ás necesidades dos usuarios. O alcalde, Manu Lourenzo, destacou que este servizo responde á demanda da mocidade e de persoas que precisan un lugar tranquilo para preparar exames, traballos académicos ou oposicións, independentemente dos seus horarios.
O servizo está dirixido a persoas empadroadas en Soutomaior maiores de 16 anos que realicen estudos regrados ou non regrados. Para os menores de idade, requírese autorización do titor/a legal. O acceso á aula realízase mediante un código persoal e intransferible, facilitado polo Concello tras a aprobación da solicitude.
As persoas interesadas deben presentar a solicitude a través da sede electrónica municipal, achegando o formulario correspondente, unha declaración complementaria de normas de uso e copia do DNI. O prazo de solicitude está aberto todo o ano e pode realizarse por internet ou presencialmente no Rexistro Xeral da Casa do Concello.




