As dúas intervencións, que suman un investimento total de 649.414,94 euros, buscan renovar o pavimento e mellorar a seguridade da circulación nestas vías. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 3 de novembro para presentar as súas ofertas.
En Cariño, destinaranse 445.966,52 euros ao reforzo do firme da DP-6121, entre os puntos quilométricos 5,370 e 8,400. A actuación inclúe a reparación de zonas deterioradas e a aplicación dunha nova capa de mestura bituminosa de seis centímetros de espesor, ademais da limpeza de beiravías, cunetas e a substitución de barreiras de seguridade.
No municipio de Cedeira, o investimento ascende a 203.448,42 euros para mellorar 1,425 quilómetros de dúas vías: a DP-2204 (entre os puntos quilométricos 1,390 e 2,495) e os primeiros 320 metros da DP-2206.
Nestes tramos aplicarase tamén unha nova capa de mestura bituminosa de seis centímetros, xunto coa apertura de cunetas, renovación da sinalización horizontal e colocación de barreiras de seguridade.
Ambos os proxectos establecen un prazo de execución de tres meses desde o inicio das obras, co obxectivo de mellorar o estado do pavimento e as condicións de seguridade e comodidade para os desprazamentos.




