Esta medida, anunciada polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, permitirá poñer fin ás listas de espera que existían para acceder ao servizo de axuda no fogar. O rexedor destacou que a Xunta de Galicia confirmou que complementará o esforzo económico do concello, o que fai posible cubrir a totalidade dos casos de dependencia de grao 2 e 3 no municipio.
Os orzamentos municipais para 2027 reservan 1.174.598 euros á área de protección e promoción social, converténdoa na segunda partida de gasto máis importante das contas municipais. Esta cifra supón un incremento do 170 % respecto aos 434.000 euros destinados a esta área en 2022.
“"Os orzamentos son tamén unha declaración de prioridades. En 2022 destinábanse 434.000 euros á protección e promoción social e en 2027 imos acadar 1.174.598 euros. Estamos falando dun incremento do 170 %, porque temos claro que o diñeiro de Soutomaior ten que estar ao servizo da veciñanza, especialmente de quen máis o precisa."
No caso específico do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o Concello incrementou a licitación en case 800.000 euros anuais respecto ao contrato do anterior goberno, duplicando practicamente os recursos. Lourenzo lembrou que, aínda que o SAF é competencia da Xunta, os concellos están asumindo unha parte importante do financiamento, achegando arredor de 22 euros por cada hora de atención.
O Goberno municipal destaca que este incremento é unha das liñas fundamentais do orzamento de 2027, cuxo obxectivo é reforzar os servizos públicos e garantir que os recursos se traduzan en máis benestar para a veciñanza. Para máis información sobre o SAF, as persoas interesadas poden contactar cos servizos sociais municipais no Centro de Benestar Integrado (Multiús) en horario de 9:00 a 14:00 h., ou a través do teléfono 986 705 106.




