A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que o municipio conta cunha folla de ruta baseada en datos técnicos para protexer vidas e bens en caso de asolagamentos. A pesar de que Redondela ten a consideración de “risco medio” e non haber obriga legal de elaborar este plan, o Goberno local decidiu facelo “por responsabilidade”.
O PAMIN recolle os riscos vinculados ao Rego de Chapela, o Río Fondón, o Río Pexegueiro, o eixo Cabeiro-Alvedosa e a zona costeira de Chapela. O documento xa conta co aval e a homologación favorable da Comisión de Protección Civil da Xunta e, tras a súa aprobación inicial no Pleno, someterase a exposición pública para posibles reclamacións antes da aprobación definitiva.
A concelleira de Seguridade e Interior, Rita Pérez, rexeitou as críticas e subliñou que o plan conta con garantías e control externo exhaustivo, superando a revisión da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e a Comisión Galega de Protección Civil.
O plan analiza o territorio de Redondela para activar automaticamente as fases de prealerta, alerta ou emerxencia segundo parámetros meteorolóxicos e hidrolóxicos. Determina as autoridades responsables, os medios a mobilizar e a forma de alertar á poboación, prevendo tamén a integración de recursos autonómicos do INUNGAL se fose necesario.




