Trátase da primeira vez que se aplica esta modalidade de contratación nestes recursos. A Xunta explica que o concerto social é a fórmula que máis se adapta ás necesidades funcionais destes centros, que se caracterizan por estar conformados en pequenas unidades de convivencia diferenciadas. O obxectivo do Goberno galego é garantir unha atención personalizada, integradora e familiar para que todos os nenos e adolescentes medren nunha contorna o máis parecida posible a un fogar.
Estes catro recursos de acollemento contan con persoal especializado e proporcionan atención integral as 24 horas do día, os 365 días do ano. As entidades adxudicatarias son: Mercedarias de la Caridad, beneficiaria no lote composto polas prazas de Oleiros; Aldeas Infantiles SOS de Galicia, nas correspondentes a Redondela; Fundación Casa Caridad de Vigo, na Cidade Olívica; e a Fundación Amigó, que asumirá a xestión das localizadas en Miño.




