O Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) e o equipo da catedrática Inmaculada Tomás na Facultade de Medicina e Odontoloxía foron os recoñecidos pola Liga Reumatolóxica Galega. Esta asociación de pacientes con enfermidades reumáticas e musculoesqueléticas fixo entrega dos galardóns durante a gala do seu 30.º aniversario.
A asociación destacou o labor fundamental do SEPIU para avanzar cara a unha universidade máis inclusiva, accesible e comprometida coa igualdade de oportunidades. A través da súa área de Inclusión Universitaria, o servizo coordina medidas de apoio para o estudantado con discapacidade e necesidades específicas, facilitando recursos e axustes para garantir a igualdade de condicións. Entre as súas actuacións inclúense a xestión de adaptacións curriculares, apoios específicos, programas de inserción laboral e aloxamento adaptado, contribuíndo a eliminar barreiras de acceso e permanencia.
“"En recoñecemento á súa contribución ao benestar e á plena participación das persoas con discapacidade e necesidades específicas no ámbito universitario."
A atención bucodental cobra especial importancia na artrite reumatoide, asociada á periodontite, e na enfermidade de Sjögren, onde a sequidade bucal aumenta o risco de carie. Desde a súa posta en marcha arredor de 2010, a unidade que lidera Inmaculada Tomás atende persoas con discapacidade ou enfermidades crónicas, dando prioridade á prevención e adaptando os tratamentos ás características de cada paciente. Tamén atende persoas con enfermidade de Alzheimer en centros públicos da Xunta de Galicia e mantén convenios con ASPACE e APAMP.
A unidade, que reúne profesionais de distintas especialidades odontolóxicas e persoal investigador, forma estudantado do Máster de Formación Permanente en Odontoloxía Integral Avanzada en Persoas con Diversidade Funcional e Condicións Médicas Complexas da USC. Como unidade de I+D traslacional, integra procedementos clínicos cos obxectivos de investigación, empregando aprendizaxe automática para desenvolver modelos de intelixencia artificial. Un estudo publicado no Journal of Dental Research avaliou o potencial do microbioma salivar para detectar a periodontite, e outro proxecto investiga a detección temperá do cancro oral.




