A distinción a Dora Carrera, que será entregada a título póstumo, recoñece o seu papel fundamental na creación dun movemento pioneiro de apoio ás familias afectadas polas adiccións. A corporación municipal tamén acordou dedicar unha rúa á súa memoria, renomeando a vía na que residía, como recoñecemento institucional ao seu legado.
“"Dora Carrera representa un legado exemplar de servizo á sociedade, subliñando o seu papel na creación dun movemento pioneiro de apoio ás familias afectadas polas adiccións."
No ámbito deportivo, o premio recaeu no futbolista porriñés Gabriel Veiga Novás, coñecido como Gabri Veiga, pola súa destacada traxectoria no fútbol profesional e por ser un referente de talento e superación para a mocidade local.
A Compañía Española de Algas Mariñas (CEAMSA), fundada en 1966 e con sede no Porriño, foi galardoada co Premio á Empresa. O xurado valorou a súa aposta pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, que a consolidou como referente internacional no sector dos hidrocoloides naturais.
O Premio á Cultura foi para O Xogo da Ola, unha das tradicións máis singulares do Porriño, pola súa capacidade para manter viva unha celebración que forma parte esencial da memoria colectiva local. Finalmente, a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rosais recibiu o Premio ao Compromiso Social polo seu labor en favor da participación cidadá e a dinamización comunitaria.
A cerimonia de entrega dos III Premios Antonio Palacios terá lugar o vindeiro sábado 13 de xuño na Praza do Concello do Porriño.




