Cada persoa maior de 16 anos empadroada no municipio poderá participar a través da páxina web municipal, www.mos.es, ou de forma presencial na Casa do Concello, na Piscina municipal, na Axencia de Colocación e na Biblioteca María Magdalena. O proceso parte de 242 propostas presentadas, das que 238 foron consideradas válidas e 18 figuran na relación de iniciativas que se someterán a votación tras a revisión do comité técnico municipal.
As propostas finalistas son o resultado dunha valoración técnica e económica que analizou a viabilidade, dispoñibilidade de espazos, autorizacións e prazos de execución. A relación de iniciativas inclúe actuacións en materia de seguridade viaria, accesibilidade, instalacións deportivas e culturais, zonas de lecer e recuperación do patrimonio, distribuídas por todo o municipio.
Entre as 18 propostas atópanse o acondicionamento dunha área de lecer en Herville (200.000 euros), a mellora da seguridade viaria na estrada Generoso Domínguez (200.000 euros), a creación dun aparcadoiro público na contorna do Pazo de Mos (200.000 euros), a cubrición de parques infantís e pistas deportivas, a mellora da seguridade viaria en San Amaro e Arrubial (200.000 euros), a mellora das instalacións da Asociación Solidaria MosAxuda (120.000 euros), o acondicionamento da contorna da igrexa de Cela (200.000 euros), a humanización da rúa Ludeiro (200.000 euros), a creación dunha área de autocaravanas en Santiaguiño de Guizán (80.000 euros), a mellora da contorna de Santiaguiño de Guizán con parque multiaventura e cubrición de pista de pádel (120.000 euros).
Tamén se inclúen a mellora das instalacións do Edificio do Multiusos (200.000 euros), o acondicionamento acústico do pavillón municipal Óscar Pereiro (200.000 euros), a modernización da piscina municipal de Mos para competicións autonómicas e nacionais (130.000 euros), a creación dun aparcadoiro na contorna da igrexa de Louredo (200.000 euros), a compra de terreos e posta en valor do Castro de Torroso (200.000 euros), a renovación do parque infantil de Campo da Feira con pump track (200.000 euros), a creación dunha aula de estudo na contorna da escola de música (200.000 euros) e a posta en valor do Sendeiro dos Muíños de Salgueira e Monte Pereiras (200.000 euros).




