O inicio do curso escolar e o cambio das empresas concesionarias do transporte xeraron algúns desaxustes nos horarios das rutas escolares en Mos, afectando tanto ás entradas como ás saídas dos centros educativos.
En resposta ás queixas de varias familias, o Concello de Mos reforzou o control do servizo e puxo en marcha un dispositivo policial para verificar o cumprimento dos horarios establecidos. Axentes da Policía Local estiveron esta mañá no IES de Mos supervisando a chegada do alumnado.
O Concello tamén mantén contacto coa dirección do centro educativo para coñecer de primeira man as incidencias e coordinar as melloras necesarias. Ademais, estase a comprobar o funcionamento das rutas dos centros de primaria, onde se detectaron problemas similares.
A Inspección de Transporte da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia está informada da situación e supervisa o servizo. Se os desaxustes persisten, adoptaranse as medidas oportunas para garantir o cumprimento das condicións.
Así mesmo, o Concello de Mos contactou coa empresa concesionaria para trasladarlle as incidencias e solicitar a revisión dos horarios, co obxectivo de axustalos ás necesidades do alumnado. Agradecen a colaboración das familias que comunicaron as súas incidencias e lembran que o seguimento continuará nos próximos días.




