Esta intervención busca non só recuperar o funcionamento orixinal do muíño, senón tamén acondicionar o inmoble para o seu uso público. O obxectivo é que se converta nun novo punto de interese para os veciños e para os peregrinos que transitan a diario polo municipio.
O inmoble, cedido ao Concello no 2017 polo seu anterior propietario, José Antonio Blanco, xa falecido, atópase agora nunha fase de traballos para a súa posta en valor e conservación. As actuacións previstas inclúen a restauración da estrutura do muíño e a recuperación dos elementos mecánicos necesarios para que volva operar.
A localización estratéxica do Muíño do Cepo, en pleno Camiño de Santiago, permitirá enriquecer a experiencia dos camiñantes, ofrecéndolles un recurso patrimonial e histórico adicional durante a súa ruta. Deste xeito, o Concello de Mos aposta por revitalizar a súa historia e tradición.




