As tres actuacións, que contan coa colaboración de distintas administracións como a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, buscan mellorar a mobilidade peonil e recuperar ámbitos vinculados ao patrimonio local.
O investimento global distribúese en tres intervencións: preto de 500.000 euros para a remodelación da contorna da igrexa de Santa María de Guizán (máis de 2.300 metros cadrados), arredor de 1,2 millóns de euros para a humanización da contorna da igrexa de Sanguiñeda, e aproximadamente 1,3 millóns de euros para a mellora integral da contorna da igrexa de San Miguel de Pereiras (máis de 5.800 metros cadrados).
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que "estas tres actuacións responden á vontade de seguir mellorando as parroquias de Mos, recuperando espazos públicos para as persoas e dotándoos de mellores condicións de accesibilidade, seguridade e uso veciñal".
En Guizán, os traballos abranguen o atrio da igrexa e un tramo do Camiño do Pazo, contemplando a renovación de pavimentos, mellora da iluminación, adecuación de redes de servizos, evacuación de pluviais e soterramento de redes, ademais de axardinamento e mobiliario urbano.
En Sanguiñeda, o proxecto busca converter a explanada diante da igrexa nunha zona de estancia en plataforma única, ampliando o torreiro, creando zonas verdes, un acceso lateral ao local veciñal e unha nova edificación baixo a praza. Tamén se renovará a marquesiña, instalarase unha pérgola e integraranse elementos patrimoniais.
A actuación en Pereiras inclúe a renovación de pavimentos, reorganización de instalacións, mellora da iluminación e evacuación de pluviais, soterramento de cableado, axardinamento e mobiliario urbano, priorizando o uso peonil e a creación de zonas de estancia e verdes. Tamén se mellorará o local parroquial.
Estas intervencións súmanse á planificación do Concello de Mos para mellorar os espazos públicos e as contornas patrimoniais das parroquias, combinando recursos municipais e financiamento doutras administracións.




