Estas novas actuacións súmanse á fase 2.2, que xa está en execución no Coto dos Mosquitos. Unha vez finalizadas, a rede de abastecemento será cedida ao Concello de Mos, ampliando e mellorando a capacidade da rede municipal.
A fase 1.1 abranguerá o tramo inicial dende o depósito Pemos-Veigadaña ata a zona da Biblioteca de Mos, incluíndo o bombeo 1. Contempla unha condución de impulsión de 250 mm de diámetro e 1.580 metros de lonxitude, cun orzamento de 1.118.569,13 euros.
Pola súa banda, a fase 1.3 actuará entre o cruzamento da A-55 e o bombeo 2, con 1.038 metros de nova condución e un orzamento de 611.126,53 euros. Inclúe tamén o paso das autoestradas A-55 e AP-9, ademais dunha mellora da rede existente no Camiño da Serra da Auga, en Veigadaña.
A fase 2.2, xa en obras, completa a rede co tramo final asociado ao depósito regulador de 1.500 m³ do Coto dos Mosquitos.
O conxunto das actuacións configurará a conexión exterior de abastecemento do Celta 360. Esta infraestrutura, unha vez rematada, será incorporada á rede municipal de Mos, aportando novos tramos de condución, elementos de bombeo e capacidade de regulación.




